
Non é a primeira vez que criticamos a confusión que sufre o noso alcalde entre a súa persoa, o seu partido e o cargo que ostenta (efectivamente, máis que exercelo, fai ostentación del). En Navidades, enviou centos de cartas cunha proclama poético-política sobre a luz da verdade. Agora, de novo có membrete do Concello e cos cartos do Concello envía unha misiva ós veciños das Casas Baratas para responder a un "panfleto" do PP. Aínda que a información ofrecida polo PP de Mugardos estivese equivocada e fose realmente panfletaria, está contida nunha publicación dese partido, á que don Xosé Barcia, como candidato do BNG, podería respostar por outras vías. Pero el prefire ostentar o seu cargo de alcalde, abusar del e dirixirse ós veciños dun barrio no seu habitual estilo autocomplacente e paternalista, presumindo das súas humildes orixes e traendo a colación a memoria da súa propia nai.
Aquí podedes ler a carta do alcalde e tamén a protesta que os partidos da oposición enviaron á prensa.
