10 ago 2012

Mugardeses en Mauthausen

O 26 de Xullo inaugurouse en Ares un monumento a varios galegos desta zona que estiveron presos no campo nazi de Mauthausen. Tamén se presentou o libro do historiador Enrique Barrera Beitia titulado Galegos en Mauthausen. Entre eles, figuran cinco veciños de Mugardos: D. Manuel Fernández García "Olmedo", D. Francisco Montero Cotos, D. Jesús Morgade Feal, D. José Andrés Pena Losada e D. José Pereira Pérez.
O día 22 de Febreiro, na Comisión de Cultura, tivemos coñecemento dun breve escrito do alcalde de Ares onde se facía referencia ao proxecto do monumento. Dada a escasísima información reflectida no escrito e a importancia do tema, solicitamos que o Concello de Mugardos recabase máis datos sobre o asunto. Pero pasou o tempo sen que se soubese nada máis. No Pleno extraordinario de Xullo, o voceiro do PSOE preguntou ao alcalde pola ausencia do noso Concello neste proxecto, especialmente chamativa por ter máis veciños entre os presos homenaxeados que calquera outro dos que fixo unha aportación. A resposta do alcalde foi a mesma que nos dera a nós nunha conversa días antes.
En todo caso, aquí deixamos esta pequena homenaxe aos mugardeses que pasaron extremas penalidades nese campo de concentración fascista.

No hay comentarios: